jueves, 22 de abril de 2010

FINLANDIA CONSTRUIRÁ OUTRAS 2 NUCLEARES

O Goberno de centro-dereita de Finlandia deu luz verde para a construción de dúas centrais nucleares, que se suman ás catro existentes desde fai tres décadas e a de Olkiluto3 (OL3), primeira central de terceira xeración europea, actualmente en construción.
As novas licenzas farán posible a construción de centrais con capacidade aínda maior de xerar electricidade que a de OL3, que debe producir 1.600 megavatios. Segundo plans de Fennovoima, consorcio no que participa o xigante enerxético alemán E.ON, a súa central poderá producir ata 2.500 megavatios, o que a convertería con fartura na central nuclear máis grande do mundo. A segunda licenza recaeu no consorcio Teollisuus Voima (TVO).
Na actualidade, Finlandia produce 2.800 megavatios de orixe nuclear; o 24% da súa demanda eléctrica (porcentaxe algo superior ao de España). Coas novas centrais a electricidade atómica podería cubrir o 60%. OL3 é a primeira central que se constrúe en Europa despois do tráxico accidente de Chernóbil en 1986. A súa construción está a cargo da empresa estatal francesa AREVA e os seus propietarios están agrupados en torno ao consorcio TVO.
En principio, debería comezar a producir no verán de 2009, pero leva polo menos tres anos de atraso e o seu custo inicial de 3.000 millóns de euros disparouse a 5.400 millóns. A nova data para que funcione é verán de 2012.
As últimas análises, con todo, colocan esa data en dúbida. Segundo o responsable de enerxía de Greenpeace en Finlandia, Lauri Myllyvirta, "unha visión optimista establecería que a central comezará a súa produción en 2014". Segundo os últimos estudos, o consumo de enerxía de Finlandia vai a menos. É posible que dentro dunha década, cando entren en funcionamento as novas centrais, teña un superávit de enerxía.
Nunha enquisa recente, o 66% dos finlandeses declárase en contra da produción de enerxía nuclear para a exportación. A posta en marcha das centrais significará unha inxección multimillonaria á deprimida economía do país. O Parlamento deberá ratificar as licenzas, pero ese paso non será máis que un trámite, pois o Goberno ten ampla maioría.